Dous hospitais galegos únense ao primeiro ensaio clínico para previr o COVID-19 en persoal sanitario

Dous hospitais galegos únense ao primeiro ensaio clínico para previr o COVID-19 en profesionais sanitarios. Son o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, ambos os dous incluídos entre os 62 seleccionados en 13 comunidades autónomas.

A Delegación do Goberno en Galicia informa de que o Ministerio de Sanidade, a través do Plan Nacional sobre a SIDA, promove o primeiro ensaio clínico dirixido a previr a enfermidade por coronavirus en profesionais sanitarios. Baixo a denominación EPICOS (Ensaio Clínico para a Prevención da Infección por Coronavirus en Sanitarios), este estudo que arrincará de maneira inminente nos 62 centros incluídos e que contará coa participación de 4.000 profesionais sanitarios.

“Trátase do maior ensaio clínico destas características en Europa e un dos máis grandes do mundo no que participarán, ademais de persoal médico e de enfermería, celadores, farmacéuticos técnicos de radioloxía e laboratorio, é dicir, unha representación ampla de todas as profesións que están a actuar fronte ao virus no ámbito hospitalario”, destacou o delegado do Goberno, Javier Losada.

O obxectivo de EPICOS, do que se prevé contar cos primeiros resultados en catro semanas, é avaliar o risco de desenvolver a enfermidade sintomática por COVID-19 en persoal sanitario de alto risco. Para iso, administrarase de maneira preventiva e aleatoria un ou dous medicamentos que se compararán cun grupo placebo, en liña coas directrices da OMS e a comunidade científica.

Así, compararase a eficacia preventiva de tres tratamentos estratéxicos: hidroxicloroquina, antirretrovirais que se utilizan para tratar a infección por VIH (emtricitabina/tenofovir disoproxilo) e a combinación de ambos. O tratamento preventivo terá unha duración de 12 semanas aínda que se realizarán análises mensuais para avaliar a eficacia de cada opción.

Con este ensaio clínico, o Ministerio de Sanidade, a través do Plan Nacional sobre a SIDA e coa colaboración da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), busca protexer aos profesionais sanitarios que se atopan na primeira liña da resposta á pandemia, e aos pacientes, aos que o persoal sanitario con enfermidade asintomática pode transmitir de modo inadvertido a enfermidade.