Nigrán regala roscas ás residencias de anciáns do municipio e ao centro de saúde Val Miñor

O Concello de Nigrán iniciou este sábado e continuará hoxe co reparto de roscas nas cinco residencias de anciáns do municipio e no centro de saúde da Xunqueira (centro de referencia do Covid-19 na comarca) como felicitación da Pascua e sinal de cariño do pobo de Nigrán a traballadores e residentes nestes intres tan complicados para eles especialmente. Nesta entrega na que colaboran altruístamente as panaderías locais La Flor de Nigrán, Valverde e La Pintora non se puido incluír á Residencia de Tempo Libre de Patos (onde hai anciáns sans de Barreiro e Aldán) ante o rexeitamento expreso da Xunta de Galicia a esta posibilidade a semana pasada.

“Somos conscientes de que estes intres son especialmente duros para os sanitarios que traballan arreo arriscando as súas vidas; tamén para os maiores, a poboación máis vulnerable ante o Covid-19, e de que os traballadores e as direccións das residencias deste municipio están esforzándose ao máximo por protexelos deste virus”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que “desde o Concello quere transmitirse o agradecemento en nome de toda a veciñanza e o cariño e a confianza de que pronto todo regresará á normalidade”.

Comercio Local

O Concello de Nigrán emprendeu durante esta semana unha campaña para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza apostando nesta Semana Santa pola compra de Pascua nas panadarías do municipio, todas elas con longa tradición na elaboración de roscas e listas para recibir encargos e incluso facer os envíos a domicilio.

2020-04-12 - Roscas3