Un Secretario Municipal de habilitación nacional incorpórase ao Concello de Baiona

Dende hoxe mércores o Concello de Baiona contará cun secretario municipal de habilitación nacional, unha figura da que carecía o consistorio ata o momento e cuxa incorporación era considerada polo Goberno que preside Carlos Gómez como “prioritaria”.

Nese sentido, o rexedor baionés, salientaba a “enorme importancia” que, para o funcionamento do Concello, ten o feito de contar cun membro da Escala de funcionarios de habilitación nacional “que é o asesor xurídico non só do Goberno local, senón da Corporación Municipal”.

Carlos Gómez subliñaba o feito de que o secretario municipal que tomou posesión do seu cargo hoxe mércores, “ten como función principal e exclusiva, non só o antedito asesoramento legal da Corporación, e as comisión, senón que tamén é o encargado de dar fe pública de todos os actos e acordos”.

Nestes inicios de mandato, engade Gómez, “estamos ante procesos como os relativos ao persoal municipal na elaboración da RPT (Relación de Postos de Traballo) ou mesmo dos orzamentos “que precisan de informes xurídicos precisos para evitar problemas posteriores”. De aí, remata o alcalde de Baiona “a importancia de contar con esta figura nun posto clave que, ata o momento, era desenvolvido, de xeito provisional, unha persoa funcionaria do Concello”.