Gondomar suspende a celebración este ano da súa Gala do Deporte

O Concello de Gondomar suspende a celebración da súa V Gala do Deporte. A vila condal non poderá recoñecer este ano a entrega e dedicación de persoas, clubs ou institucións do municipio no mundo do deporte, que coa súa actividade, ademais de transmitir valores inherentes e necesarios para todos, en moitos casos levan o nome de Gondomar ao máis alto e todos os recunchos do mundo.

O alcalde, Paco Ferreira, promotor xunto á concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, desta gala que naceu auspiciada polo seu goberno na anterior lexislatura e que xa se convertera nunha cita ineludible para todos os veciños e veciñas do municipio, informou da cancelación da entrega de galardóns, prevista para o pasado sábado 4 de abril no Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda, motivada pola crise sanitaria provocada polo Covid-19.

As bases da V Gala do Deporte contemplaban nove categorías: premio ao mellor deportista masculino; premio á mellor deportista feminina; premio ao mellor deportista revelación masculino e á mellor deportista revelación feminina; premio ao mellor club ou entidade deportiva; premio ao patrocinio e colaboración co deporte; premio á traxectoria deportiva; premio ao mellor evento do ano; e, premio aos valores humanos.