A área de Vigo rexistra un total de 1.074 casos infectados por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.631, deles 1.151 son da área da Coruña, 571 da de Lugo, 1.082 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 1.074 da área de Vigo, 963 da de Santiago, e 321 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 149 permanecen en UCI, 766 están en unidades de hospitalización e 4.716 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 997 altas de pacientes e 318 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 39.432.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Datos dos centros residenciais de servizos sociais

TOTAL

DENTRO DO TOTAL, VINCULADOS CON CENTROS RESIDENCIAIS

NÚMERO DE CASOS 5.631 867 (Usuarios)
365 (Profesionais)
FALECEMENTOS 318 65 (En residencias)
60 (En hospitais e residencias integradas)

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,5% do total das persoas residentes.

Respecto das 4 persoas falecidas onte en centros residenciais, 1 foi na residencia DomusVi San Lázaro (Santiago de Compostela), 1 na residencia N.S. Fátima (O Barco de Valdeorras, Ourense), 1 na residencia N.S. de la Esperanza (Ourense) e 1 na residencia DomusVi Cangas.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Anuncios