A Xunta aproba máis de 1,17 millóns de euros para a xestión da depuradora de Gondomar

O Consello da Xunta aprobou hoxe o investimento de máis de 1,17 millóns de euros para dar continuidade á cooperación co Concello de Gondomar na xestión e explotación da estación depuradora de augas residuais municipal. Con este acordo, o Executivo autonómico mantén o seu apoio ás entidades locais nas súas competencias de saneamento e abastecemento, e autoriza á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á prorroga do servizo que garante o funcionamento da depuradora municipal.

O Concello de Gondomar ten cedido á Xunta, a través de Augas de Galicia, o servizo de mantemento da estación depuración neste municipio pontevedrés. Servizo que vén prestando dende o ano 2005 mediante un contrato de explotación da depuradora no que o Goberno galego leva investido un orzamento de máis de 8 millóns de euros. Coa autorización de hoxe, a Xunta renova esta concesión para os vindeiros 24 meses, estendéndoa concretamente ata o 30 de maio de 2022.

A depuradora de Gondomar está deseñada para o tratamento dun caudal medio de 6.720m3/día e unha capacidade de depuración estimada para unha poboación de 24.000 habitantes equivalentes. A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.

Na actualidade o organismo hidráulico da Xunta encárgase de prestar estes servizos de depuración en 29 estacións depuradoras de augas residuais. A cooperación da Xunta co Concello de Gondomar permite a mellora da calidade de vida da súa poboación e das augas da ría de Baiona, así como ao aumento da competitividade económica e o fomento do turismo.

A explotación e mantemento das infraestruturas hidráulicas teñen como obxectivos garantir a correcta depuración das augas residuais e ofrecer uns servizos que respondan ás necesidades reais da poboación. Estas tarefas comprenden as accións necesarias para o funcionamento axeitado das instalacións de forma ininterrompida co fin de acadar uns índices de depuración que cumpran os límites establecidos na normativa de aplicación.
Os traballos inclúen a retirada nas debidas condicións hixiénicas, o transporte e a vertedura de graxas, areas e residuos das reixas e tamices, o desecado dos lodos producidos e a conservación en bo estado da totalidade dos elementos, instalacións e equipos da planta.

Anuncios