O usuario da residencia de Nigrán dá negativo en Covid-19 nunha segunda proba

O pasado sábado a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia informaba que un usuario da Residencia Serge Bellavista, situada na parroquia nigranesa de Priegue, dera positivo en coronavirus Covid-19. Desde a xerencia do centro comunicaron este luns a ValmiñorTV que nunha segunda proba este residente deu negativo.

“No seu momento fixéronse probas a varios residentes e unha delas dera positivo. Despois repetiron as probas e deu negativo”, aseguran desde a empresa que xestiona a residencia. Así mesmo destacan que se fixeron probas a todos os residentes e a todos os traballadores “e deron negativo, incluso a persoa que dera positivo”.

“Van facer unha terceira proba para confirmar, pero o Sergas considera que debeu ser un falso positivo. De feito a esa persoa tiñámola en illamento de maneira preventiva e estaba totalmente asintomática. Estivera con outra persoa que tivera febre, e tanto ela como a compañeira deron negativo”. Finalmente quixeron transmitir tranquilidade aos familiares dos usuarios: “os pobres preocúpanse e por desgraza non poden visitalos”.

Anuncios