A plataforma loxística do Sergas recepciona un millón de máscaras adquiridas pola Xunta

A plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde, situada en Negreira, recepcionou hoxe un envío cun millón de máscaras adquiridas pola Xunta. Trátase do cuarto envío de material recepcionado en Galicia, co que na nosa comunidade recibíronse xa 4,7 millóns destas unidades.

En total, o Goberno galego xa leva investidos 17 millóns de euros neste tipo de material sanitario como máscaras, luvas, batas de alta protección, desinfectantes de mans e probas PCR.

O material recibido hoxe forma parte dos lotes adquiridos pola Xunta de Galicia a distintos provedores e que se suman aos 3,7 millóns de unidades xa recepcionadas nos últimos días.

Sanidade envía este material de protección con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, tal e como especifican os protocolos elaborados coas recomendacións do persoal de medicina preventiva.

Os protocolos de actuación para a protección dos profesionais na presente crise sanitaria provocada polo COVID-19 establecen a necesidade de que usen equipos de protección individual (EPI) para determinadas intervencións. Os elementos de protección recomendados son gafas de protección, batas de alta protección, máscaras respiratorias cirúrxicas e FFP2 e luvas de exame, xunto con solución hidroalcólica desinfectante.

Cómpre sinalar, que desde a pasada semana, o material sanitario que se reparta levará ilustracións doadas por Paco Leiro, pintor e escultor galego, e Rafael Canogal, un dos principais representantes do arte abstracto en España.

Anuncios