Nigrán reúne a animadores e educadores infantís para lanzar vídeos de entretemento para os cativos

O Concello de Nigrán reuniu aos especialistas en entretemento infantil do municipio para lanzar desde este sábado a través das redes sociais do consistorio (Facebook Concello De Nigrán, Youtube e na web pequenos vídeos con contidos exclusivos destinados aos cativos. A iniciativa encádrase na campaña municipal “Paciencia, Cariño e Calma” que pon o punto de mira nos pequenos da casa, os que máis rixidamente sofren o confinamento.

Así, o dúo de animadoras Nanda e Ana de “Voltereta e Volvoreta”, as especialistas en animación á lectura e ocio infantil Carla e Loreto de “Donde Viven los Cuentos”, o pallaso Peter Punk (Isaac Rodríguez) e o Mago Rei Midas con Valeria Varitas elaboraron pezas de cadansúa especialidade (cada un por separado, incluso os dúos) para facer o confinamento dos nenos as súas familias máis levadío. Contos, manualidades, shows e trucos de maxia ou números cómicos concentran os contidos destes vídeos que comezarán a divulgarse o sábado e que se suman á iniciativa lanzada a inicios de semana polo Concello de Nigrán para promover os aniversarios “de balcón” (o Concello avisa a través das redes sociais para que os veciños saian a cantarlle no seu día e, ademais, lles agasalla cunha sorpresa).

“Queremos ofrecer contidos de calidade aos nenos para que pasen mellor estes días e, ao mesmo tempo, apoiar aos especialistas de Nigrán que traballan con eles porque precisamente nestes intres que non poden desenvolver a súa actividade son imprescindibles”, sinala o alcalde, Juan González. Nigrán conta con 2.675 menores de idade e, deles, 2.186 teñen menos de 14 anos ou 14, colectivo infantil ao que se dirixen especialmente estas propostas.

Paciencia, Cariño e Calma

O Concello de Nigrán lanzou a inicios de semana a campaña “Paciencia, Cariño e Calma” para volver a facer visibles aos nenos e nenas nas rúas do municipio. O goberno local insta ás crianzas a debuxar un corazón baixo este lema e a pegalo nas súas xanelas ou balcóns e nas redes sociais co hashtag #NigranQuedaNaCasa. O modelo de ilustración está dispoñible na web municipal e no facebook oficial Concello De Nigrán (para todo aquel que prefira simplemente imprimilo).