A Deputación de Pontevedra envórcase neste mes de abril cunha chea de iniciativas culturais e turísticas on line, para compartir e gozar da arte, da literatura e do coñecemento da provincia. Así, ao través da web institucional www.depo.gal e a de Turismo Rías Baixas, www.turismoriasbaixas.gal, convídase a maiores, nenas e nenos a que desde casa aproveiten este tempo de confinamento para coñecer un pouco mellor as marabillas que pódense atopar no destino “Rías Baixas”.
Así, en canto á cultura, a institución provincial, consciente do papel estratéxico que os libros e a creación artística en xeral están xogando durante o confinamento, pon en marcha todo un paquete de propostas para compartir e impulsar a lectura nos fogares da provincia durante as próximas semanas.
Ao abeiro do Día Internacional do Libro, que se celebrará o día 23, a viaxe cultural interactiva se desenvolverá durante todo o mes. Deste xeito, a institución convida á cidadanía a participar nun percorrido literario a través de seis grandes obras da literatura universal. Por medio dun mapa virtual farase parada en autores de referencia como Gabriel García Marquéz, Harper Lee ou Mariama Bâ. E amais, autoras e autores contemporáneos tamén compartirán coa cidadanía os seus libros de referencia.
Como destaca a presidenta Carmela Silva, “o mellor da cultura é compartila e son días propicios para aprender coa xenerosidade dos nosos veciños e veciñas e coñecer mellor a provincia de Pontevedra a través das paisaxes que inspiraron durante séculos a autores como Julio Verne, Emilia Pardo Bazán, María Vinyals, Valle-Inclán ou Ramón Cabanillas”. “Entre todos e todas convertiremos este mes de abril no mes da cultura en Pontevedra”, subliñou. A Deputación de Pontevedra quere brindar recomendacións de lectura para paliar o illamento e, tamén, apoiar ás autoras e autores e dar voz aos milleiros de lectores e lectoras na provincia. Así, para o Día do Libro, a institución lanzará unha etiqueta nas redes sociais corporativas para animar á cidadanía a compartir as mellores citas dos seus libros de cabeceira.
A Deputación, que esta semana celebrou o Día das Artes, ten tamén colgada na súa web a información sobre o arquitecto galego do Barroco homenaxeado este ano, Domingo Antonio de Andrade, e prevé, para cando remate o confinamento, realizar en colaboración coa Academia Galega das Belas Artes unhas Rutas de Arquitectura. Son visitas comentadas que tratan de introducir e sensibilizar sobre a importancia do Barroco na provincia, cuns percorridos que implicarán a grandes referentes.
Amais, no Museo de Pontevedra elaborouse unha programación de visitas virtuais para amenizar a situación de confinamento e ao mesmo tempo promocionar e por en valor un dos recursos culturais máis importantes de Galicia.
Promoción turística
En canto ás iniciativas relacionadas coa promoción turística, a institución provincial ten en marcha, na web de Turismo Rías Baixas, unha campaña online baixo a etiqueta #21Days21Destinations desde a que está a difundir e compartir con gran éxito as marabillas da provincia de Pontevedra, seguindo a etiqueta da campaña mundial que naceu a través dunha blogueira keniata.
Amais, seguindo as pautas da Organización Mundial do Turismo, a Deputación ultima un vídeo promocional arredor da idea de «quedarse en casa para viaxar mañá», para poñer en valor os recursos culturais e paisaxísticos da provincia e recoñecer o compromiso e sacrificio das e dos profesionais do sector turístico.
Por último, ideouse na web un divertido xogo de preguntas, tanto en galego como en castelán, co que pretendese que a veciñanza e as e os viaxeiros poidan ampliar ou comprobar o seus coñecementos sobre as Rías Baixas. Ata 30 preguntas conforman o divertido desafío “As Rías Baixas en casa”, unha proposta lúdica para facer máis levadío o confinamento á vez que promocionase o destino. O xogo divídese en tres probas de dez cuestións cada unha, ilustradas todas elas con imaxes.

