Gondomar e a AECC prestarán apoio psicolóxico aos veciños do municipio

O concello de Gondomar e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) abrirán unha liña de atención psicolóxica e emocional para os veciños do concello que empecen a sentirse afectados polo confinamento que desde o pasado 14 de marzo manteñen nas súas casas tras o decreto de alarma sanitaria, ditado polo Goberno de España.

O concello de Gondomar canalizará as demandas das persoas que requiran este servizo a través do departamento de Benestar Social no teléfono 986 360 1680 ou o correo ssocial@concellodegondomar.com facilitando os datos necesarios para que os profesionais da Asociación contacten con aqueles veciños que necesiten esta atención.

A Asociación, que ata o de agora viña prestando este apoio aos pacientes oncolóxicos e ás súas familias, quere dar un paso máis na súa colaboración con Gondomar ampliando este servizo a quen ben por estar afectados polo Coronavirus, ou por perder un familiar pola enfermidade precisen apoio psicolóxico.

O equipo de facultativos, con ampla experiencia en tratar este tipo de situacións de ansiedade, tamén atenderán a persoas maiores que viven soas, aos seus cuidadadores, e a aqueles profesionais de sectores que se viron expostos no desenvolvemento das súas obrigacións a altos niveis de presión con motivo da crise do COVID-19.

Anuncios