Nigrán tínguese un ano máis de azul no Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

O Concello de Nigrán únese á Fundación Menela e tinguirase un ano máis de azul esta noite coincidindo co Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, nesta ocasión baixo o lema “Podo aprender. Podo traballar”, dous eixes claves para a inclusión e mellora da calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias: a educación e o emprego.

Nesta situación, marcada pola crise sanitaria do Covid-19, o Concello de Nigrán subliña o dereito a saídas terapéuticas deste colectivo e acompañantes (instrución do 19 de marzo de 2020 do Ministerio de Sanidade). “As súas saídas son por saúde e por suposto que non teñen que levar ningún distintivo para exercer o seus dereitos, amosemos todos comprensión e respecto e non pre-xulguemos a ninguén desde o balcón”, indica o alcalde, Juan González.

No marco desta campaña que en Nigrán promove a Fundación Menela (xestiona un centro de atención a persoas con este trastorno en Priegue) o movemento asociativo e o Concello súmanse á iniciativa mundial Light It Up Blue (#LIUB), promovendo a iluminación en azul de edificios e monumentos emblemáticos do noso país, como mostra de solidariedade coas persoas con TEA e as súas familias.