Concurso escolar de debuxos para trasladar ánimos e agradecemento a Policía e Garda Civil

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ven de convocar un concurso de debuxos para todos os escolares galegos. A finalidade é que poidan amosar o agradecemento aos corpos e forzas de seguridade, e que mediante o debuxo os nenos e nenas poidan transmitirlle ánimos tanto á Policía Nacional, Policía Local, Policía Autonómica e Garda Civil, os cales reciben formación permanente na Academia.

A temática do concurso e completamente libre, os nenos e nenas poderán plasmar no debuxo o que eles queiran transmitirlle aos axentes e o único requisito é que poñan o cancelo #ConVosEstamosSeguros. A finalidade do concurso é que mediante esta iniciativa os rapaces poñan en valor a gratitude aos corpos e forzas de seguridade e ao mesmo tempo que contribúa a que pasen estes días de confinamento un pouco mais entretenidos.

Poderán participar neste concurso todos os nenos e nenas galegos. Haberá categorías segundo o nivel educativo. Así establécense 6 premios, un para Infantil, dous para Educación Primaria, por una banda os nenos de 1º a 3º e por outra banda os de 4º a 6ª, e o mesmo cos estudantes da ESO, haberá dúas categorías, os rapaces de 1º e 2º e por outra banda os de 3º e 4º. E finalmente os estudantes de Bacharelato que igual que os de Infantil teñen cada un, unha categoría.

Os premios de cada unha das categorías é que o neno ou nena gañador poida facer xunto a toda súa clase unha visita guiada á Academia, onde tamén están recibindo formación os policías e gardas civís, poidendo participar con eles nalgunha das clase e que así poidan coñecer de preto aos axentes que reciben a formación na Academia.

Poderá presentarse unha obra por concursante en tamaño A4 e poderá ser realizada en calquera modalidade, con lápiz, tinta china, estilográfica, rotuladores, pinturas, ceras. Cada neno poderá facelo como queira. O estilo é completamente libre. O único é que ten que levar o cancelo #ConVosEstamosSeguros.

O prazo de presentación dos debuxos comeza mañá e remata o vindeiro venres 17 de abril. Os debuxos poderán ser remitidos á Academia mediante unha foto do mesmo que se pode mandar por correo electrónico ao seguinte enderezo formacion.agasp@xunta.gal, indicando o nome completo do neno ou nena, o nivel educativo ao que pertence, así como o colexio ao que asiste.