Baiona reparte material de protección á Garda Civil, Protección Civil, GES Val Miñor e Centro de Saúde

O Concello de Baiona fixo entrega, na mañá do mércores, de diversos lotes de material de protección destinado a aquelas persoas que desenvolven o seu labor en traballos esenciais para a cidadanía, como son a Garda Civil, Protección Civil, GES do Val Miñor e persoal do Centro de Saúde.

A entrega deste material, como sinalou o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, responde a “criterios de solidariedade con aqueles e aquelas que, por obriga, teñen que estar a pe de rúa atendendo as necesidades das veciñas e dos veciños”.

O material entregado este mércores distribúese a maiores do xa entregado no seu momento ao persoal municipal que atende os servizos básicos do Concello e que “teñen a enorme responsabilidade de que, nesta difícil situación, todo siga a funcionar”.

En concreto, á Garda Civil fíxoselle entrega de 100 luvas, 50 máscaras, desinfectante para as mans, ademais de outras máscaras de tela confeccionadas por unha veciña, “que é unha boa mostra da capacidade solidaria das nosas xentes”, dixo Carlos Gómez.

Doutra banda, a Protección Civil fíxoselle entrega de 60 máscaras (10 delas de tela confeccionadas polas anteditas veciñas) e desinfectante para as mans. Ao GES Val Miñor entregáronselle traxes de protección antisalpicaduras, 50 máscaras e xel desinfectante.

Finalmente ao Centro de Saúde de Baiona se lle fixeron chegar batas de liquido desinfectante para os solos.

“Sabemos que é unha achega modesta -asegura o alcalde Carlos Gómez- pero trátase de material que precisan. É un xeito de darlles as grazas polo traballo que están a desenvolver velando pola nosa seguridade e a nosa saúde”.

Gómez quixo transmitir tamén unha mensaxe de esperanza á veciñanza ao sinalar que “o único xeito de parar isto e saír con ben desta crise é que cada un cumpra, con responsabilidade, co seu cometido”. “O da cidadanía, da que me sinto especialmente orgulloso -engadiu o rexedor local-, é quedarse na casa para que aqueles que, por obriga, teñen que estar nas rúas, poidan realizar o seu traballo do mellor xeito posible”.

Anuncios