Povisa e Vithas Fátima reciben contedores con chave para tratar a roupa dos pacientes con COVID-19

O Hospital Vithas Vigo e Povisa recibiron esta mañá 30 e 12 contendores con chave respectivamente para o tratamento da roupa e lenzaría dos pacientes con COVID-19. Estes contedores, cedidos gratuitamente pola empresa Contenur tras a mediación do Concello de Vigo, permitirán reforzar a seguridade dos traballadores que manipulan este material, que ten un circuíto distinto ao do resto de lenzaría do Hospital.

Segundo explican desde Vithas Vigo, a roupa e toda a lenzaría dos pacientes con COVID-19 métese, dentro das súas habitacións, nunhas bolsas precintadas de cor vermella intensa. Estas bolsas colocaranse nestes novos contedores que se instalaron tanto nos corredores da zona de hospitalización da zona na que están ingresados os pacientes con COVID-19; na UCI; e nos boxes de Urxencias.

Esta roupa é tratada en lavandería (con bolsa e todo) a moi alta temperatura e sometida a un proceso de especial desinfección. Desta maneira pódese volver utilizar. Os contedores con chave reforzan a seguridade deste proceso, xa que só poden ser abertos coa correspondente chave.

Augas para hidratar ao persoal

Por outra banda, hoxe mesmo ambos os dous hospitais recibiron unha doazón de augas de Coca-Cola, a través das súas marcas Coca Cola, Aquabona e Acuarius, destinado á hidratación do persoal asistencial do Hospital.

A esta súmanselle outras moitas mostras de apoio e solidariedade que van desde a cesión de pantallas protectoras –xestionadas pola Universidade de Vigo- ou outro material sanitario en distintas cantidades; ata pizzas quentes, chocolates ou café cedido desinteresadamente tanto por empresas galegas como por particulares.

Desde o Hospital Vithas Vigo-Nosa Señora de Fátima, o seu xerente, Dr. Ciro Cabezas, agradece todas estas mostras de apoio e solidariedade, así como a determinación da cidadanía de Vigo e a súa área de colaborar na loita contra o COVID-19 respectando o confinamento domiciliario e as normas de prevención ditadas polos expertos en saúde pública.

O Hospital de Fátima recibe contedores con chave para tratar a roupa dos pacientes con COVID-19