O Banco de Alimentos adianta as súas entregas e abastece ás ONG coas que traballa ata maio

A Fundación Provincial Banco de Alimentos adiantou xa todas as entregas que tiña previstas e abasteceu de produtos de primeira necesidade ás ONG coas que traballa, polo menos, ata o próximo mes de maio.

Desde a entrada en vigor do estado de alarma polo Covid-19, tanto o almacén de Vigo como o de Pontevedra permanecen abertos para poder seguir dando resposta ás necesidades das 150 entidades homologadas coas que traballa na provincia.

Os Bancos de Alimentos son considerados servizos esenciais e como afirman desde a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) “somos o supermercado das persoas non teñen recursos”.

A crise sanitaria polo coronavirus chegou, ademais, en plena repartición da terceira fase do Fondo de Axuda Europea para os Máis Desfavorecidos (FEAD) e, tras un esforzo máis que destacable, a día de hoxe, foron entregados os máis de 300.000 quilos de alimentos deste programa europeo xestionado polos Bancos de Alimentos asociados a FESBAL e Cruz Vermella Española.

En canto á nave viguesa de Lavadores, son sete o número total de voluntarios que seguen desempeñando o labor solidario, despois de extremar as medidas de seguridade e de prevención. Non hai que esquecer que a maioría do persoal da entidade é considerado factor de risco pola súa idade avanzada.

2019, en cifras

A ONG, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante 2019, atendendo a 20.000 persoas desfavorecidas na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa. A entidade non reparte comida a particulares, senón que chega a eles mediante os colectivos sociais.

O Banco de Alimentos, que se caracteriza por ser apolítico e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Actualmente, cobre o 35% das necesidades das persoas ás que axuda.

Anuncios