A Garda civil intercepta a dous homes que trataron de evadir un control

A Garda Civil interceptou na tarde de onte a dous homes que trataron de eludir un control establecido con motivo da verificación as medidas de limitación da liberdade de circulación de persoas establecidas polo Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

Os feitos sucederon ás 17:30 horas no quilómetro 9 da PO-400 na localidade das Neves. Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil do Destacamento do Porriño, apreciaron como un turismo que se dirixía á zona do control cambiaba bruscamente a súa traxectoria para deterse nunha franxa anexa á calzada. Inmediatamente, unha patrulla de motoristas dirixiuse ao lugar. O condutor do turismo trataba de apearse deste cando chegaron os axentes e inmediatamente foi interceptado. O ocupante abandonou o lugar á carreira, pero instantes despois foi localizado polos Gardas Civís oculto baixo a mesa de terraza dunha vivenda próxima habitada por unha anciá de 90 anos.

Ao realizarlle a proba de alcoholemia en aire expirado ao condutor, veciño da mesma localidade e de 50 anos de idade, arroxa unhas taxas de 0,56 e 0,51 mg/l, un resultado que dobra o máximo permitido, establecido en 0,25mg/l.

Ambas as dúas persoas trataron de explicar aos axentes que viñan de dar para comer aos animais que un deles tiña nunha leira próxima, e beberan e comeran algo xuntos.

O condutor do turismo enfróntase a unha posible sanción en vía administrativa de 1000 euros e á detracción de seis puntos do seu permiso de condución.

Ademais os dous implicados serán denunciados por un incumprimento das medidas de limitación da liberdade de circulación de persoas establecidas polo Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19. As sancións por estes incumprimentos teñen unha contía variable, que parte dos 600 euros e increméntase segundo a gravidade dos feitos.

A Garda Civil lembra a obrigación de respectar as limitacións da liberdade de circulación das persoas establecidas polas autoridades gubernativas para o control da crise do Coronavirus e exhorta aos condutores para utilizar os seus vehículos só nos supostos que fose estritamente necesario.