Activan un teléfono de atención psicolóxica para a poboación afectada polo COVID-19

O Ministerio de Sanidade e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Psicólogos (COP) de España puxeron en marcha un teléfono de atención psicolóxica para prestar apoio asistencial ás persoas con dificultades derivadas do COVID-19. Este servizo telefónico comezou hoxe a prestar asistencia.

A súa finalidade é desenvolver un sistema de apoio e primeira atención psicolóxica, orientado ao manexo da tensión e situacións de malestar derivados das diferentes realidades que está a xerar esta pandemia.

Esta modalidade de prestación asistencial realízase a través de tres números de teléfono diferenciados, dirixidos a grupos poboacionais concretos:

– O 91 700 79 89 para familiares de persoas enfermas ou falecidas como consecuencia do coronavirus.

– O 91 700 79 90 para profesionais con intervención directa na xestión da pandemia como sanitarios, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou Policía Local, entre outros.

– O 91 700 79 88 para a poboación en xeral con dificultades derivadas do estado de alerta.

O horario de atención é desde as 09.00 ata as 20.00 horas, todos os días da semana.

Servizo de atención profesionalizado

Este servizo telefónico de atención psicolóxica está atendido por psicólogos e psicólogas con experiencia e coñecemento nas diferentes áreas de atención. Seguirá un protocolo común de asistencia con plena garantía de confidencialidade profesional.

Conta cun centro de coordinación, integrado por un equipo de expertos, liderado pola catedrática de Psicoloxía Clínica da Universidade Complutense de Madrid María Paz García Vera.

Anuncios