
O Ministerio de Sanidade prohibiu todos os velorios, independentemente da causa do falecemento e de se se celebran en instalacións públicas ou privadas, incluído os domicilios particulares, para limitar a propagación e o contaxio polo COVID-19.
Así o recolle a orde ministerial publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), que especifica que no caso de falecidos por COVID-19 non se poderán realizar prácticas de tanatoestética, intervencións de tanatopraxia, nin intervencións por motivos relixiosos que impliquen procedementos invasivos no cadáver.
A norma recolle outras medidas excepcionais como a restrición das cerimonias fúnebres. Neste sentido, pospoñerase a celebración de cultos relixiosos ou cerimonias civís fúnebres ata que finalice o estado de alarma.
Con todo, no enterramento ou despedida para a cremación da persoa falecida, permitirase a asistencia de tres familiares ou achegados, ademais, no seu caso, da persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto. Estas persoas deberán respectar sempre a distancia dun a dous metros entre elas.
A orde tamén regula, a proposta do Ministerio de Consumo, algunhas das condicións de contratación dos servizos funerarios.