82 detidos en Galicia por incumprir o estado de alarma

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, advertiu hoxe sobre as 82 persoas detidas na Comunidade por incumprir as normas do estado de alarma e detallou que algunhas destas persoas xa ingresaron en prisión ou foron condenadas a penas de cárcere.

Javier Losada explicou que ata onte a Policía Nacional, a Garda Civil e as policías locais das sete principais cidades galegas sumaron 8.482 propostas de sanción. Estas son resoltas en cada caso con sancións que oscilan entre os 601 e os 30.001 euros. Nos casos de persoas reincidentes as sancións aumentan de grao e parten de 10.400 euros.

En concreto, a Policía Nacional propuxo sancións para 3.663 persoas, con 47 detencións; a Garda Civil a 3.466, con 7 detencións, e as policías locais a 1.353, con 28 detencións.

Entre as persoas detidas, distintos xulgados galegos xa ditaron os primeiros autos ou sentenzas, que recolleron desde o ingreso en prisión de forma provisional ou condenas con penas de cárcere.

Con todo, o delegado do Goberno incidiu en que o respecto á normativa é maioritario e espera que continúe así. Agradece á poboación o seguimento das normas e lembra que a única maneira de frear o virus é quedarse na casa. Nese sentido, incide en que é fundamental protexer a quen se está xogando a vida: o persoal sanitario, as forzas de seguridade e as persoas que traballan en servizos esenciais como alimentación ou transportes.

A pesar do respecto maioritario, para evitar contactos non desexados esta fin de semana volverán reforzar os controis para evitar os desprazamentos a segundas vivendas ou zonas de lecer. Nese sentido, Javier Losada detallou que no que vai de estado de alarma xa foron interceptados máis de 1.100 vehículos que infrinxían a normativa.

Anuncios