Nigrán desinfecta o mobiliario urbano e os accesos a establecementos comerciais

O Concello de Nigrán, a través da concesionaria de limpeza Cespa, deu ordes desde inicios da semana pasada de aumentar a desinfección periódica de todos os contedores de lixo e reciclaxe, así como do mobiliario urbano do municipio, con especial atención ás marquesiñas e bancos onde as persoas agardan ao autobús. Esta semana, tamén a requirimento do Concello, iniciaron paralelamente a desinfección periódica de acceso a supermercados, froiterías, panaderías, farmacias e centros de saúde.

“Todas as zonas consideradas sensibles, que son aquelas nas que se concentra xente, recibirán unha desinfección periódica co fin de evitar calquera posible propagación do virus. Nunha situación como a que estamos a vivir todas estas medidas son especialmente importantes”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.