A Deputación pon preto de 264.000 € ao dispor dos concellos do Val Miñor para afrontar emerxencias sociais

Os nove concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca de Vigo xa teñen á súa disposición 733.500 € en axudas para emerxencias sociais, que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para facer fronte ás novas necesidades da crise sanitaria do coronavirus. Hoxe publícanse no BOPPO a nova liña de Axudas Sociais Extraordinarias, e o Plan de Servizos Comunitarios Básicos e o SAF, que xunto ás Axudas de Emerxencia, constitúen un fondo que ascende a máis de catro millóns de euros destinado aos concellos máis pequenos da provincia. (0,5 millóns de € das Axudas Básicas de Emerxencia, 2,2 millóns de € do Plan de Servizos Comunitarios Básicos e SAF e 1,3 da nova liña de Axudas Extraordinaria). En concreto, os concellos da comarca de Vigo que xa poden pedir as axudas son Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Porriño, Salceda de Caselas e Soutomaior.

Máis polo miúdo, o concello de Baiona recibirá preto de 82.000 € da Deputación de Pontevedra distribuídos entre 10.200 € de axudas de emerxencia, 51.310 € da liña de axudas sociocomunitarias e SAF e 20.320 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

Pola súa banda o concello de Gondomar beneficiarase de máis de 86.000 € da Deputación de Pontevedra distribuídos en 10.200 € das axudas básicas de emerxencia, 55.514 € das axudas de servizos sociocomunitarios e SAF e 20.320 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

No caso de Nigrán as achegas son de máis de 95.700 € distribuídos en 10.400 de axudas de emerxencia, máis de 62.500 € de servizos sociocomunitarios e SAF e 22.860 € da nova liña de axudas extraordinaria segundo tramos de poboación.

Ademais destas axudas aos concellos en materia social, o goberno da Deputación de Pontevedra tamén vén de publicar hoxe no BOPPO as axudas de anticipos tributarios do novo Fondo de Liquidez do ORAL, dotado con 21 millóns de euros para os concellos que teñen delegadas as súas competencias.

CONCELLO IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE  AXUDAS EMERXENCIAS IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE BASES SOCIOCOMUNITARIOS E SAF IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE  NOVA LIÑA AXUDAS EXTRAORDINARIAS SEGUNDO TRAMOS POBOACIÓN TOTAL POR CONCELLO
BAIONA 10,200.00 € 51,310.00 € 20,320.00 € 81,830.00 €
GONDOMAR 10,200.00 € 55,514.00 € 20,320.00 € 86,034.00 €
NIGRAN 10,400.00 € 62,514.00 € 22,860.00 € 95,774.00 €
TOTAL COMARCA DO VAL MIÑOR                                                                      263,638.00 €