EU e Podemos reclaman en Nigrán atención ás condicións da prestación do servizo de axuda a domicilio

Ante as denuncias realizadas pola falta de medios de material preventivo para o Servizo de Atención ao Fogar na empresa Atendo noutro Concello, a mesma empresa que presta o servizo en Nigrán, Esquerda Unida e Podemos de Nigrán lémbralle ao goberno municipal que, tal como establece a lei, ten que vixiar que o servizo que presta o Concello de Nigrán a través desa empresa se realice coas garantías de seguridade, tanto para o persoal que o presta como para as persoas usuarias, xa que existe unha enorme vulnerabilidade dos usuarios e usuarias, así como tamén do propio persoal auxiliar ante esta pandemia.

Segundo o procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao novo coronavirus do Ministerio de Sanidade, a axuda a domicilio de contactos asintomáticos está considerada unha exposición de baixo risco, polo que o persoal deberá usar os compoñentes de EPI de protección biolóxica que determine a avaliación específica deste risco para este persoal.

En concreto EU e Podemos de Nigrán consideran que o Concello debería esixirlle á empresa contratada para prestar o servizo de axuda a domicilio:

a) a avaliación de riscos do seu persoal que deberá estar realizada conforme ao establecido nas recomendacións das autoridades sanitarias.

b) o rexistro de entrega destes equipos ao persoal que presta o servizo.

c) o protocolo de uso destes equipos nos domicilios, xa que un uso incorrecto deles podería ser prexudicial, tanto para o persoal como para as persoas usuarias.

Para finalizar ambas as dúas formacións políticas lembran que o titular do servizo de atención a domicilio é o Concello de Nigrán e polo tanto sería responsable, polo menos subsidiariamente, dunha mala praxe por parte da empresa que presta o servizo.