A Delegación do Goberno informa sobre a aprobación da apertura de talleres de vehículos

A Delegación do Goberno en Galicia informa sobre a aprobación da apertura de talleres de vehículos. En concreto, será posible realizar reparacións e mantemento, o que busca asegurar o bo estado daqueles transportes dedicados a tarefas de primeira necesidade como a alimentación ou os servizos sanitarios.

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a Orde TMA/259/2020 do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Esta explica que “co fin de garantir o adecuado funcionamento das operacións de transporte de mercadorías e asegurar o necesario abastecemento de produtos á poboación, así como dos transportes permitidos” no decreto de estado de alarma “permítese a apertura de talleres de reparación e mantemento de vehículos de motor”. Tamén é posible abrir “os establecementos de actividades conexas de venda de pezas e accesorios con venda directa aos talleres de reparación, pero sen apertura ao público xeral”.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, celebrou esta medida que serve para complementar as adoptadas anteriormente. Lembra, con todo, que esta apertura debe respectar o resto de normas vinculadas ao estado de alarma, polo que só será posible desprazarse aos talleres con causa xustificada. Incidiu, ademais, en que para frear o virus a poboación debe estar unida e a mellor medida é quedarse na casa para evitar a súa propagación.

Ao mesmo tempo, a Delegación do Goberno traslada esta información á Xunta e aos Concellos para asegurar a coordinación administrativa na aplicación desta medida no marco do Estado de Alarma vixente.