Nigrán atende a 33 familias en situación de vulnerabilidade ante o Covid-19

O Concello de Nigrán iniciou esta mañá o servizo especial de asistencia a persoas en especial risco ante o Covid-19 atendendo ás 33 familias en situación de vulnerabilidade económica ou especialmente illadas (acorde aos datos dos Servizos Sociais) despois de contactar telefonicamente con cada unha delas para atender as necesidades especiais destes intres. Durante a mañá, o equipo dirixido desde a alcaldía realizou entregas a domicilios (seguindo todos os protocolos sanitarios) con caixas de alimentos con produtos básicos.

Paralelamente, o Concello habilitou onte a liña telefónica oficial 986383930 (operativa de 9:00 a 14:00 horas) co obxectivo de xestionar a compra e entrega a domicilio de menciñas e alimentos e incluso libros e publicacións da Biblioteca Municipal (986383979, de 10:00 a 12:00 horas) para persoas en especial situación de risco ante o Covid-19 ou en soidade ou sen medios. “Durante esta primeira xornada non se recibiron peticións seguramente porque é algo que iniciamos onte e porque xa nos contactamos directamente con 33 familias a través dos Servizos Sociais. Esta liña seguirá operativa durante todo o tempo que sexa preciso e a estamos a divulgar entre a poboación para que ninguén se sinta abandonado”, explica o alcalde, Juan González.

Precisamente, o Concello de Nigrán sumou a Protección Civil a este equipo ante o ofrecemento deste servizo público para colaborar. “Son profesionais que tamén dispoñen dos medios e coñecementos precisos e aos que sen dúbida recorreremos no intre en que sexa preciso”.

Cartelería específica

O Concello de Nigrán, ante a petición dos profesionais sanitarios do Val Miñor, realizou unha cartelería específica informando do protocolo sanitario que deben seguir os pacientes no municipio (incluíndo todos os teléfonos e os casos en que deben empregarse) e, ao mesmo tempo, elaborou outro cartel sobre o funcionamento municipal e os servizos especiais que se prestan, todo baixo o slogan “Paciencia, Cariño e Calma”. Ambos foron pegados esta mañá polo equipo de apoio nas tendas de alimentación, farmacias e centros de saúde. “Non toda a poboación emprega redes sociais ou internet, polo que consideramos conveniente achegar esta información oficial aos puntos neurálxicos que existen agora mesmo: tendas de alimentación, supermercados, farmacias e centros médicos”.

“Paciencia, cariño e calma, é o que desexamos transmitir á poboación nestes intres. Todo vai a ir ben”, insiste. Nesta liña de compromiso absoluto coa veciñanza, desde o goberno de Nigrán habilitouse unha partida orzamentaria de 10.000 € destinada a toda continxencia que poida xurdir relacionada coa pandemia.

2020-03-17 - Carteleria12020-03-17 - Cartelería22020-03-17 - Info_Centro_Saude_12020-03-17 - Info_xeral_Covid_1