Baiona pecha parques municipais e praias

FOTO: PEPE COSTAS // Praia da Ladeira.

Seguindo as indicacións do Goberno Central o Concello de Baiona segue aumentando as medidas de prevención contra o contaxio do Covid-19. O pasado sábado precintáronse os parques municipais e dende mañá se fará o mesmo coas praias, para garantir a seguridade dos cidadáns.

Coa mesma liña marcada estanse a tomar novas medidas nos servizos municipais, dende mañá e ata novo aviso o punto limpo permanecerá pechado e o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria realizarán servizos mínimos, realizándose os luns, mércores e sábados. Debido a isto solicitan aos veciños e veciñas que dentro das súas posibilidades teñan en conta estas medidas para depositar o seu lixo.

“Dende o Concello queremos agradecer a colaboración de todos os veciños e veciñas, que están brindando o seu apoio non só ao noso concello senón ao Estado, para que esta situación mude o antes posible”, sinalan.