Nota dos Bispos galegos sobre o Coronavirus

Ante a situación creada pola expansión do virus Covid19, a responsabilidade polo ben da saúde propia e do próximo lévanos a adoptar algunhas medidas destinadas a evitar a propagación da enfermidade con ocasión das nosas celebracións litúrxicas e encontros pastorais. É unha responsabilidade cidadá e unha esixencia do amor ao próximo previr o contaxio nestes momentos. Estas novas medidas engádense ás xa ofrecidas na Nota dos Bispos da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela do pasado 8 de marzo.

Como indicación xeral, en espera doutras medidas que poidan ser adoptadas polo Ministerio de Sanidade ou pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, queremos convidar a todos os fieis a seguir as disposicións dadas polas nosas autoridades sanitarias, e particularmente a aqueles que pertencen a grupos considerados de risco, segundo os criterios oficiais das autoridades sanitarias nacionais e autonómicas.

Dadas as advertencias primeiras, establecemos:

Celebracións litúrxicas

Dispénsase aos fieis cristiáns das dioceses da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela da asistencia á Eucaristía, os domingos e festas de precepto. Pódese seguir a santa Misa por radio ou televisión, así como por internet. A comuñón espiritual é unha práctica tradicional da Igrexa que temos que recuperar nestas dolorosas circunstancias, e pode ser ocasión de santificación e de comuñón eclesial.

Suspéndese as celebracións comunitarias e públicas da Santa Misa ata ser superada a actual situación de emerxencia.

Os sacerdotes continuarán celebrando diariamente a Eucaristía, rezando polo Pobo de Deus, sendo posible a asistencia dun pequeno grupo de fieis. Aínda que non poidamos reunirnos fisicamente todos, seguimos sendo comunidade, parroquia, Igrexa de Deus.

Os funerais poden celebrarse segundo a modalidade de Celebración “das Exequias sen misa”. As misas exequiais poden ser celebradas despois desta fase crítica; ou nestes momentos só co grupo dos familiares máis achegados.

Pospóñanse as celebracións de aniversarios ata despois de Semana Santa.

Estas indicacións aplicaranse igualmente para as celebracións litúrxicas da Semana Santa. Aconsellamos igualmente aos responsables das Confrarías que sigan tamén as orientacións das autoridades sanitarias.

Suspéndese a celebración das Confirmacións.

Rógase que se pospoña, igualmente, calquera outra celebración que non sexa urxente.

Para o sacramento da penitencia, úsense espazos que permitan cumprir coas esixencias hixiénicas indicadas polas autoridades sanitarias.

Catequese

Suspéndense os encontros parroquiais, arciprestais e diocesanos de catequese, en principio ata despois de Semana Santa.

Actividades formativas

Suspéndense, ata nova indicación, todos os encontros programados polas distintas Delegacións ou Secretariados diocesanos e polos Arciprestados e as Parroquias. Igualmente aconséllase ás diferentes asociacións e movementos das nosas Igrexas diocesanas que suspendan posibles encontros previstos.

Acción caritativa

Polo que se refire á actividade das Cáritas parroquiais, interparroquiais e diocesanas, non se pecharán os espazos dedicados á actividade caritativa. Pero convídase a extremar a prudencia na atención individualizada.

Museos, bibliotecas e arquivos

Seguindo a recomendación das autoridades autonómicas, polo momento permanecerán pechados ao público os museos, as bibliotecas e os arquivos dependentes das Dioceses.

Os templos das nosas Dioceses seguirán abertos, a menos que as autoridades sanitarias digan o contrario, como signo de esperanza e ao dispor dos fieis para que poidan ir rezar, sen aglomeracións e vivir no silencio estes momentos difíciles. Aos fieis lémbraselles a posibilidade de contactar coa súa Parroquia para calquera necesidade, especialmente para a recepción de sacramentos como, por exemplo, a Penitencia ou a Eucaristía.

Estamos a vivir un tempo de desconcerto, aínda que sabemos que Deus na súa providencia está pendente de nós pois non é alleo a canto nos pasa. Temos que pedir nestes momentos que nos axude a vivir esta realidade con sentido profundamente cristián.

De acordo coa nosa fe, que nos convida a confiar sempre en Deus, exhortamos á oración a todo o Pobo de Deus, encomendando ao Señor e á Santísima Virxe María esta situación que atravesamos. Rogamos en particular que os presbíteros ofrezan a Santa Misa pola saúde do noso pobo, particularmente dos enfermos e do persoal sanitario; e que esta intención estea presente no rezo da Liturxia das Horas, e na oración das nosas comunidades de vida consagrada, particularmente contemplativas.

Os cristiáns temos que responder con responsabilidade e a través da caridade, xerando novas formas de presenza e de coidado, moi particularmente cara ás persoas soas ou abandonadas. Agora máis ca nunca necesitamos renovar a nosa confianza en Deus e reavivar en nós o don da caridade. Así mesmo agradecemos o traballo abnegado que están a realizar os profesionais sanitarios e investigadores científicos, así como os axentes da pastoral da saúde.

Estas medidas, e outras que eventualmente se puidesen tomar, á espera das indicacións das autoridades ante o novo escenario do estado de alarma, teñen carácter temporal. E estarán en vigor en principio ata despois de Semana Santa.