Sin categoría

Gondomar suspende o mercado semanal e pecha os seus parques infantís

O Concello de Gondomar vén de publicar un bando coas medidas preventivas en materia de saúde pública como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Reunido o Comité de Seguridade e Saúde, aprobouse a suspensión, nos próximos 15 días, de todas as actividades deportivas e culturais, así como actividades colectivas ao aire libre como o mercado semanal ou a Feira de Oportunidades “Portobelo”, prevista para este domingo día 15 de marzo.

O acceso ao Concello estará restrinxido, só se poderá acceder ao Rexistro Municipal na planta baixa, procurando facer as xestións de xeito telemático ou por teléfono. Así mesmo, permanecerán pechadas as instalacións municipais, tales como Pavillóns de Deportes, os campos de fútbol de As Gaiandas e As Cercas, ou a biblioteca ata novo aviso.

Tamén se pecharon os parques infantís municipais como medida de prevención. O alcalde chama aos veciños á responsabilidade e que acudan ao Concello en caso de extrema necesidade, e cando o fagan deben manter unha distancia de seguridade cos funcionarios para evitar a transmisión do virus.