Baiona suspende todas as actividades deportivas e culturais e o mercado de Sabarís

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Durante os meses de verán a densidade de clientes e curiosos é tal que pode resultar complicado camiñar dun posto de venda a outro.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, convocou unha xunta do grupo de goberno de carácter urxente, á que tamén asistiron membros dos corpos e forzas de seguridade do estado e policía local para tratar a crise do COVID-19. O goberno local leva traballando desde hai uns días na creación dun protocolo de prevención dentro da administración e que xa se puxo en marcha.

Vendo o avance dos casos de infección polo coronavirus en España e a súa previsión de propagación, hoxe o Alcalde convocou unha reunión para abordar a cuestión, onde se adoptou o acordo de suspender as actividades deportivas e culturais, organizadas e coorganizadas polo concello, en base ás directrices marcadas polo Goberno da Nación e en correspondencia coas premisas procedentes das diferentes Federacións deportivas no ámbito autonómico.

Tamén se ha resolvido como medida de contención a cancelación do mercado dos luns en Sabarís durante as próximas dúas semanas.

O alcalde, Carlos Gómez, xunto cos asistentes á devandita reunión, tomaron estas decisións apelando á responsabilidade da administración, referindo “son medidas necesarias que como máximos responsables do municipio debemos asumir para a prevención de riscos contra o contaxio e propagación do COVID-19”.

O Goberno Local está pendente das decisións e medidas que terá que levar a cabo a Consellería de Sanidade para seguir os protocolos marcados.

Aprazada a programación da “Primavera Lila”

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona informou ademais que queda aprazada a programación da “Primavera Lila”. “Contamos poder levar a cabo todas as actuacións máis adiante, non temos présa, as reivindicacións fanse todos os días e debemos ser parte da solución e non do problema”, sinala Yasmina Moreira.