Máis de 42.000 quilos de alimentos recolleitos no Zampakilos Solidario esta fin de semana

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recolleu esta fin de semana máis de 42.000 quilos de alimentos en toda a provincia durante a cuarta edición da campaña do Zampakilos Solidario. Por zonas, foron máis de 24.000 quilos de comida os recadados en Vigo, Redondela, Mos, Porriño e Baiona, mentres que o resto, outros 18.000 quilos foron recollidos en Pontevedra, Marín, Vilagarcía, Arcade, Cambados e Lalín.

Máis de 500 voluntarios da ONG participaron o venres e o sábado nas 31 tendas facilitadas por Vegalsa-Eroski, promotora desta iniciativa solidaria xa consolidada e coa que se abastecerán con alimentos de primeira necesidade os almacéns de Vigo e Pontevedra. Desde o Banco de Alimentos agradécense as doazóns dos devanditos produtos básicos e a implicación dos voluntarios que regalaron catro horas do seu tempo a favor das 20.000 persoas con dificultades ás que se axuda na provincia.

As Operacións Quilo como a desenvolvida esta fin de semana en Vegalsa-Eroski supoñen un gran impulso para a entidade, debido a que, cando se cumpren case cinco meses da celebración da Gran Recollida, os pasados 23 e 24 de novembro, xa existen alimentos de primeira necesidade que van escaseando.

Actividade Banco Alimentos Vigo

A ONG, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante 2019, atendendo a 20.000 persoas desfavorecidas na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa.

O Banco de Alimentos, que se caracteriza por ser apolítico e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Actualmente, cobre o 35% das necesidades das persoas ás que axuda.