O “Fondo Mariño” de Talismán gaña o concurso de comparsas de Baiona

Baiona celebrou este sábado unha dobre xornada co Desfile de Comparsas e o Enterro da Sardiña. As 16 comparsas participantes chegadas de Vigo, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Mos, Baiona e Salceda de Caselas, que sumaban máis de 1.100 compoñentes, comezaron o desfile ás 17:00 horas desde Sabarís, percorrendo a Avenida Monterreal, Alférez Barreiro e Elduayen ata chegar á Avda. de Ramón e Cajal.

Seguidamente, iniciouse o Enterro da Sardiña, partindo desde a Praza do Concello para facer un percorrido polas rúas Ventura Misa e Elduayen ata a Praia Ribeira, onde tivo lugar o enterro. Todo iso acompañado pola música da Charanga Nova Cubana de Oia.

Tras a queima da sardiña, e tras a deliberación do xurado, integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, as letras, etc., que valorou entre outros aspectos o vestiario, máscaras, maquillaxes, ect. axeitados á temática que representen; a orixinalidade, inxenio, caracterización, instrumentacións, ect.; a actitude no desfile acorde con motivo na exhibición; a calidade e creatividade na exhibición; e o número de compoñentes da comparsa, procedeuse á entrega de premios ás gañadoras.

O primeiro premio, de 900 euros, foi para a Asociación Cultural Talismán de Salceda de Caselas, con “Fondo Mariño”. O segundo, de 650 euros, recaeu na comparsa “Os Festeiros polo Aire” da Asociación Os Festeiros de Bembrive. Os 500 euros do terceiro premio foron para a O Millor de Cada Casa de Vincios con “A Raíña da Noite”. A Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras (Mos), conseguiu o cuarto premio, de 400 euros, con “De Pereiras a Irlanda”. E o quinto, de 300 euros, recaeu na comparsa “El Fondo del Mar” da Asociación Os da Casa de San Andrés de Comesaña (Vigo).

As demais comparsas participantes, “Amorodos de Chaín” do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, “Aladdin” da Asociación Deportiva e Cultural Paradela de Gondomar, “Noite Estrelada” do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, “Valla-Disco” do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, “Fenómeno Brillante” de Comparsa Furafollas de Vigo, “Baby Garden Tropa” de A Tropa do Cruceiro de San Miguel de Oia, “Brincafuturo” de Os Brincadeiros de Ponteareas, “A Vida Mariña” da Asociación de Veciños “A Unión” de San Pedro da Ramallosa, “Alicia en el País de las Maravillas” da Asociación LDanzia de Gondomar, “Se Podes Imaxinalo, Podes Crealo” de Diversidade de Vigo e “Batubaíña polo Mar” do Centro Cultural e Social de Baíña, recibiron unha cantidade que varía dependendo do número de compoñentes: de 81 a 100 compoñentes (300 euros), de 61 a 80 (250), de 41 a 60 (200), de 21 a 40 (150) e de 12 a 20 compoñentes (100).

El pase de diapositivas requiere JavaScript.