O Vigo-Rías Baixas defende a camisola de líder da Copa de España en Murcia

Unha semana despois de vencer na clasificación individual e por equipos na apertura da Copa de España, o Vigo-Rías Baixas asumirá este domingo un papel que nunca exerceu ata a data en certame estatal Elite e Sub-23. Á estrutura presidida por José Luis Chamorro tócalle defender a camisola rojigualda no Trofeo Guerrita. O seu líder Mauricio Moreira buscará en terras murcianas afianzarse no máis alto da xeral.

O uruguaio ofreceu un recital a pasada fin de semana no Circuíto Guadiana, gañando en solitario con máis dun minuto de vantaxe. Os 120 puntos sumados na localidade estremeña de Don Benito outórganlle unha marxe na táboa individual de 20 puntos sobre Alex Martín (Kometa) e de 35 respecto a Jordi López (Lizarte). Por equipos a situación é idéntica, co Vigo-Rías Baixas en primeira posición por diante do Kometa e do Lizarte.

Marcos Serrano, o director deportivo da formación flúor, acode ao esixente Trofeo Guerrita cunha aliñación que presenta unha variación en relación coa que logrou un resultado histórico no Circuíto Guadiana. O escalador Iñigo González entra no lugar do velocista Dani Viejo. Edwin Torres, Joan Nicolau, Carlos Amil, Guillermo Mallo e Asier González volverán escoltar a Moreira.

Para celebrar a súa 29ª edición a clásica con inicio e final en Alcantarilla modificou o seu percorrido. O novo trazado, de 168 quilómetros, propón un novo circuíto inicial e tres ascensións puntuables: Cola del Caballo, de 3ª categoría; La Perdiz, de 1ª, e alto de Gebas, de 3ª. Desde a cima do último porto de montaña restarán 45 km para a liña de meta. O bandeirazo de saída está fixado para as 09:15 horas e ao redor das 13:30 horas coñecerase o nome do gañador.

Portugal

Por primeira vez esta tempada, o Vigo-Rías Baixas competirá o domingo en dúas frontes. O conxunto olívico tamén se desprazará ata a cidade portuguesa de Póvoa de Varzin para disputar a Clássica da Primavera xunto ás escuadras profesionais do país luso. O esprínter Viejo e o escalador Víctor Etxeberría estarán á fronte dun bloque que completan Pelayo Monasterio, Brais Gómez, Iñigo Rodríguez e o debutante Manuel Sampedro.

Ademais, o persoal xuvenil do proxecto presidido por Chamorro volverá a escena este domingo no Circuíto Teense, proba do calendario autonómico, despois de estrearse a semana pasada cultivando dúas presenzas no podio da Challenge As Rías Baixas.