O Enterro do Kiko de Parada pecha o Entroido de Nigrán

O Concello de Nigrán pecha este domingo co Enterro do Kiko de Parada a programación do Entroido deste ano. O kiko, que permanece exposto no Auditorio Municipal, será trasladado ás 17:00 horas ata Parada por un carro de bois e un amplo cortexo fúnebre composto, entre outros, pola charanga Vaite xa! e a comparsa “Noite estrelada”. Será no torreiro onde se realice o velorio e a posterior queima, iniciándose a festa ás 18:00 horas coa actuación do grupo D´Líder, chegada do kiko ás 19:00 e ás 20:00 horas actos fúnebres. Ao remate o grupo D´Lider continuará coa verbena. O goberno local consolida unha celebración con gran arraigo na parroquia e que hai cinco anos decidiu potenciar co percorrido desde o Concello grazas á colaboración do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, os promotores desta tradición.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero sí presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai máis alá do interese local.