Sin categoría

“As prioridades do alcalde desprezan as necesidades máis básicas das parroquias de Gondomar”

O Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea presentará dúas mocións para ser debatidas no pleno deste mes, co obxectivo de obrigar ao goberno municipal do PSOE a resolver dous asuntos urxentes, no barrio do Souto, en Donas, e no Camiño das Vacarías, en Couso.

“Mentres o alcalde anuncia por enésima vez un ‘pipi can’ á beira do Río Miñor que vai custar arredor de 85.000 €, no barrio do Souto, na parroquia de Donas, as augas fecais saen coma un chafariz polas tapas dos sumidoiros dunha rede de saneamento precaria e mal construída co conseguinte problema de salubridade pública para veciños, augas de regadío e animais. Pero ao Sr. Ferreira isto non lle preocupa pois a súa política ‘do bonito fronte ao necesario’, que tan bos resultados electorais lle deu, insiste na idea de que os ‘cartos soterrados’ non locen”, lamenta Antonio Araújo.

“Algo semellante pasa no Camiño das Vacarías, na parroquia de Couso, onde os cables eléctricos da luz pública e que dá servizo ás vivendas, levan meses polo chan sendo trillados polos vehículos e pisados por persoas e animais… ata que pase unha desgraza”, conclúe o concelleiro de Manifesto Miñor-En Marea.