Nigrán arranca con 131 persoas inscritas os cursos de maiores

O Concello de Nigrán iniciou esta semana coa totalidade das prazas cubertas (131 inscritos) o programa integral para a prevención da deterioración cognitiva e benestar físico e emocional dirixido a maiores de 60 anos e pensionistas empadroados no municipio. Nesta nova edición o Concello de Nigrán ofrece cinco obradoiros para exercitar a memoria con 60 persoas participantes, dous obradoiros de “Vivilo Corpo” con 28, e finalmente, tres de informática con 60 veciños. Agás informática, impartida polo voluntario Antonio Lago (mestre xubilado) o resto do programa corre a cargo de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia) coas psicólogas Patricia Ruibal e Lorena Bermúdez e a fisioterapeuta Vanesa López. A edil de maiores, María Mayán, visitou aos maiores inscritos na sesión inaugural para presentarlles os cursos.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores.

O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón ou con cursos en Chandebrito para os que si teñen deterioro cognitivo”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.