
Preto de 600 profesionais e afeccionados ao estudo e cría das aves, procedentes de distintos puntos de España e do mundo, daranse cita esta fin de semana en Gondomar con motivo da celebración do XIV Congreso Internacional de Ornitoloxía Aviornis Ibérica, no que se contará coa presenza de expertos de fama recoñecida neste ámbito como Tony Silva ou Francisco González, entre outros.
Gondomar converterase durante tres días na capital da avicultura cun amplo programa de relatorios que se desenvolverán a partir de mañá venres, 06 de marzo, e ao longo de toda a fin de semana entre o Pavillón Bernabé Costas e o Auditorio Lois Tobío, os dous escenarios acollerán o XIV Congreso Internacional de Ornitoloxía de Aviornis Internacional Ibérica, encontro que a asociación aproveitará para celebrar a súa Asemblea Xeral ordinaria.
O alcalde do municipio, Paco Ferreira, agradece á delegación galega -cun importante número de socios situados na localidade- que propuxesen Gondomar como sede deste encontro que “nos permitirá dar a coñecer aos seus participantes as bondades e atractivos da localidade, así como a hospitalidade dos nosos veciños e veciñas”.
Ademais subliña o importante retorno que este tipo de accións teñen na economía local e a súa dinamización como proba o feito de que os establecementos hostaleiros de Gondomar e da contorna cubriron practicamente todas as súas prazas, segundo a organización.
Durante a fin de semana daranse cita no Congreso recoñecidos profesionais na materia como Rafael Zamora, biólogo e director científico de Loro Parque; Jacobs Lacs, membro da Xunta Directiva do Peregrine Fund; Pedro Seixas, enxeñeiro en Zootécnica e criador de aves anátidas; ou, Francisco González, experto en Aves rapaces e voo libro.
Un dos pratos fortes do Congreso será a participación do experto en cría de papagaios, o norteamericano Tony Silva, que presentará o sábado en primicia a edición do seu libro “Psittacultura” no Pavillón Municipal Bernabé Costas, completando a súa presenza no congreso cun relatorio titulado “O Estado do Arca: a avicultura a día de hoxe”, o domingo 8, día da clausura do evento.