Interceptan en Baiona a un veciño de Oia con 3 quilos de marihuana e máis de 2.000 euros

A Garda Civil detivo a un veciño de Oia, de 42 anos de idade, acusado dun presunto delito contra a saúde pública ao ser sorprendido con estupefacientes nun control de estrada en Baiona.

Os feitos sucederon a pasada fin de semana no transcurso dun punto de verificación de vehículos establecido por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán na saída do Km. 0,00 da AG/57, sentido Baiona.

A actitude sospeitosa do condutor dun dos vehículos interceptados no dispositivo propiciou que os integrantes do control realizasen unha minuciosa inspección do turismo. No rexistro os axentes atoparon no maleteiro unha caixa que contiña 2,913 quilogramos de marihuana, a pesar de que o condutor pretendía xustificar que levaba aveños do fogar, para evitar a súa apertura.

O condutor, que recoñeceu ser o propietario da droga incautada, levaba consigo 2.250 euros en efectivo. Foi detido como suposto autor dun presunto delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas, quedando en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido.

As dilixencias instruídas, xunto coa droga e o diñeiro intervido, entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo.

Anuncios