O Concello de Nigrán e o Club deportivo Tumetapesonal, en colaboración coa firma deportiva Arena, organizan un concurso de debuxo infantil para escoller o cartel anunciador da X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrará o 5 de xullo en Praia América.
Esta mañá, o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado polos concelleiros de Educación, Deportes e Igualdade, Marina Vidal, José Luis Sanromán e Patricia Diego, respectivamente, e membros da organización da travesía visitaron o colexio CEIP Carlos Casares para presentar o concurso, que está dirixido a nenos de entre 9 e 13 anos dos centros escolares de Nigrán. O cartel deberá estar relacionado coa travesía a nado Costa Serena e nas obras deberán aparecer obrigatoriamente o areal de Praia América e un nadador/a. Os debuxos presentaranse en cartolina, tamaño DIN A4 e a cor. A técnica será libre.
A organización do concurso entregará premios aos tres primeiros clasificados. O gañador recibirá un diploma, unha mochila, unha toalla e un gorro da firma deportiva Arena e unha cámara de vídeo e fotos somerxible. Ademais, o debuxo gañador, será o cartel oficial da X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán. O segundo clasificado obterá un diploma, unha bolsa deportiva, unha toalla e un gorro de Arena e un smartwatch. O terceiro clasificado recibirá un diploma, unha bolsa, unhas zapatillas deportivas e un gorro de Arena. Os premios entregaranse no mes de maio aos gañadores.
O prazo para presentar os carteis nos colexios finalizará o día 15 de abril. A organización contactará cos gañadores o día 21 de abril para anunciar os resultados, que serán publicados na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es. Todas as obras presentadas expoñeranse o día da travesía a nado en Praia América o 5 de xullo.
O concurso infantil é unha das distintas actividades previstas para conmemorar a X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrará o 5 de xullo en Praia América. Durante o ano organizaranse distintos actos para festexar os dez anos da proba, que é a travesía popular con maior participación de toda Galicia con preto de 500 participantes, entre nenos e adultos.

