
O Vincios Gondomar xogou esta fin de semana en Gondomar fronte ao pechacancelas da superdivisión, o A.D. T.M. Leganés, equipo ascendido este ano e que a pesar de reforzarse no mercado de inverno, non foi capaz de abandonar a última praza da clasificación.
O encontro comezou co enfrontamento entre o xogador local Zhao Tianming e a nova fichaxe do Leganés, o xaponés Seiya Nishimura, que deron un auténtico recital de tenis de mesa, con longos intercambios de golpes desde o fondo da pista, que fixeron as delicias do público. Con parciais 11-9, 9-11, 9-11, 11-7 e 11-5, Zhao logrou remontar o parcial de sets 1-2 de Seiya para gañar 3-2 e poñer o primeiro punto no marcador local. Despois senllas vitorias de André Silva sobre Libre Sancho (3-0) e Martín Pintos sobre Emilio García-Romeu (3-1) poñían un 3-0 no marcador.
Na segunda parte do partido enfrontáronse o portugués André e o xaponés Seiya que con parciais 11-1, 10-12, 11-6 e 11-2, venceu 3-1, para poñer o definitivo 4-0 no marcador. Con esta nova vitoria o Vincios Gondomar sitúase sétimo a un punto das prazas europeas, e con 4 puntos sobre o seu inmediato seguidor.
Destacar a vitoria do equipo de Primeira División AD Vincios Rosquillas Cristaleiro, cos xogadores Héctor Costas, Anxo Iglesias, Andrés Torres e Simón Casal, por 6-0 sobre o equipo vasco Proyem-Gasteiz, o que os sitúa en 3ª posición, con dereito a acudir á fase de ascenso a División de Honra.