O CPI Cova Terreña repartirá na Arribada 10.000 marcapáxinas pola igualdade

O Centro Público Integrado Cova Terreña de Baiona está a desenvolver este curso un proxecto de innovación educativa que leva por título “Arribada en Igualdade”, facendo referencia á histórica chegada da Carabela A Pinta, comandada por Martín Alonso Pinzón, o 1 de marzo de 1493. Esa data, xunto á Festa da Arribada 2020 deste fin de semana, é o pretexto para facer unha análise crítica e comparativa sobre a evolución da presenza da muller no mar ao longo dos últimos anos.

O profesorado dos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Tecnoloxía e Debuxo están traballando xuntos neste proxecto no que está implicado o alumnado, especialmente o de 3º e 4º de ESO, e tamén as familias e persoal non docente. Son moitas e diversas as actividades que se desenvolven e teñen como obxectivo diminuír os estereotipos de xénero no mundo profesional, especialmente en traballos relacionados co mar (pesca, turismo, navegación ou investigación). A procura dunha igualdade real de xénero é un dos obxectivos que o alumnado ten que acadar para graduarse en Educación Secundaria. Proxectos pedagóxicos deste tipo, apoiados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, son da máxima importancia para axudar a conseguilo.

Diferentes actividades ao longo do curso

As actividades son diversas, e parten dunha análise comparativa de catro realidades en relación ao estereotipo de xénero na realidade de cada comunidade educativa, en lugares diversos e con contextos moi diferentes coma Baiona, Viana do Bolo, Albacete ou Bogotá. Profesorado de 4 centros das catro localidades están colaborando co profesorado baionés neste estudo.

Un canal aberto de vídeos tamén permitirá que todo o mundo poida ver unha serie de entrevistas, feitas polo alumnado e o profesorado do CPI Cova Terreña, a mulleres que abriron camiño, superando dificultades nun mundo pensado durante anos para os homes, como mariscadoras, militares da Armada, investigadoras, líderes sindicais do mundo do mar, etc. Paralelamente estanse realizando entrevistas en profundidade a mulleres de diferentes idades para analizar a evolución da presenza feminina no mar e os reto que aínda están por conseguir.

Dende o Departamento de Tecnoloxía estase a traballar no deseño de barcos, onde o alumnado poida reflectir desde diferentes ideas, sobre o concepto de igualdade ou desigualdade de xénero. O alumnado poñerá en prácticas a súa capacidade creativa de deseño, usando material de refugallo, para a construción de ditos barcos.

En xuño, seguindo o modelo de Nacións Unidas, cerrarase o traballo cunha plenaria no que o alumnado intentará chegar a unha proposta de resolución, para favorecer a igualdade efectiva de homes e mulleres nos traballos relacionados co mar da bisbarra.

Masiva Arrribada de barcos inclusivos este fin de semana en Baiona

Durante o fin de semana 10.000 marcapáxinas serán distribuídos, coa colaboración do Concello de Baiona, entre os miles de visitantes que se esperan na vila. O marcapáxinas foi deseñado, logo de recoller ideas do alumnado, polo profesor de Debuxo Tobías Díez. Nunha das caras aparece unha imaxe da carabela en 1493 en tons grises representando un mundo dunha soa cor (masculino) e na outra, cheo de cor, unha Pinta nun mundo inclusivo en 2020, onde a muller xa ocupa postos importantes na economía, xestión e investigación do mundo do mar. A gran escala as mesmas imaxes coligarán do Convento das Dominicas de Baiona. O alumnado e profesorado invitan ás persoas participantes na festa a reflexionar sobre os grandes avances que a nosa sociedade está a facer en favor da inclusión, e sobre o camiño que queda por percorrer.

Anuncios