Meira, ao asalto do Rallye da Coruña tras saborear a vitoria en Cacabelos

Do mesmo xeito que sucedeu o pasado, AMF Motorsport comezou con vitoria a tempada, tamén en terras do Bierzo pero esta vez no Rallysprint da Mencía “Vila de Cacabelos”, que serviu para tomar contacto co Citroën DS3 R5 e coller ritmo para o Rallye da Coruña, primeira cita do Campionato Galego de Rallyes.

Alberto Meira e José Murado enfrontaranse na cita herculina a unha das mellores inscricións que tivo o rexional galego, con outros 10 vehículos da clase R5 que pelexarán polos postos cabeceiros da clasificación. Entre todos eles, un só denominador común, os pneumáticos Pirelli que calzarán todos os candidatos á vitoria nunha proba que se presume pasada por auga, polo que a elección de cubertas será clave.

“Tras o éxito logrado en Cacabelos e o bo final de tempada o pasado ano, queremos seguir coa boa serie de resultados nesta primeira proba do Campionato Galego. Non vai ser fácil co nivel que hai grazas ao Supercampionato R5 de Galicia, polo que teremos que saír a por todas desde o primeiro metro e xogar a baza dos quilómetros que fixemos a pasada semana. Tamén debemos ser conscientes de que coa maior cantidade de rivais, primará moito máis a regularidade que noutros anos, así que o principal obxectivo é sumar puntos e tomar riscos na súa xusta medida”, sinalaba o piloto gondomarense.

Co coñecido esquema de tres tramos a triplo pasada, Aranga, Cerceda e Culleredo serán os xuíces que sumando case 90 quilómetros de especial coroen ao primeiro gañador no Campionato Galego de Rallyes 2020.