Nigrán substitúe unha quincena de farois da Avda. de Portugal por outros de tecnoloxía LED

O Concello de Nigrán vén de substituír os báculos e a iluminación dunha quincena de farois da Avenida de Portugal ata a rotonda de A Ramallosa, empregando agora tecnoloxía LED. As antigas luminarias de vapor de sodio foron cambiadas por esta nova tecnoloxía e, así mesmo, tamén foron renovados os fustes das farois, nos que se inseriu o escudo do Concello de Nigrán en aceiro. O troco, ademais de mellorar a calidade da iluminación, permite reducir a potencia de consumo de 22,36 kWh a 8,6 kWh e multiplicar exponencialmente a súa vida útil, co conseguinte aforro económico.

Este cambio súmase aos realizados anteriormente no centro da Ramallosa (contorna de Manuel Lemos, resto da Avda. Portugal e Torrente Ballester), Panxón, centro de Nigrán, Chandebrito… O obxectivo é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as luminarias de vapor de sodio ocasionan problemas ao ter excedido o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considera prioritarias as substitucións nos núcleos urbanos con gran afluencia de peóns e circulación viaria.

“O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio”, indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, as substitucións permiten reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80%, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.

Anuncios