O Entroido inunda as rúas de Gondomar

Gondomar celebrou este domingo o seu Desfile-Concurso de Comparsas de Entroido. As principais rúas do centro urbano enchéronse de público para contemplar ás 14 agrupacións participantes, chegadas de Nigrán, Baiona, Gondomar, Vigo e Tomiño. O desfile comezou na rúa Ameixeira, para logo baixar por Eduardo Iglesias, pasando pola Praza da Paradela ata terminar na confluencia coa Avda. do Conde de Gondomar.

“Os Picapedra” de Couso, que participaron fóra de concurso, deron paso ás 13 comparsas inscritas: “O Mar” da Asociación de Veciños “A Unión” de San Pedro da Ramallosa, “Batubaíña polo Mar” do Centro Cultural e Social de Baíña, “Os peloteiros” da Asociación Cultural A Camoesa de Camos, “La reina de la noche” de O Millor de Cada Casa de Vincios, “Co frío chegaron os que faltaban” de Chegaron os que Faltaban de Vigo, “Valla-Disco” do Centro Cultural de Valladares, “Alicia en el país de las maravillas” da Asociación LDanzia de Gondomar, “Amorodos de Chaín” do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, “Fenómeno brillante” de Comparsa Furafollas de Vigo, “Noite estrelada” do Centro Cultural Parada de Miñor, “Baby Tropa Garden” de A Tropa do Cruseiro de Vigo, “Aladdin” da Asociación Paradela de Gondomar e “Luz” da Asociación Cultural Ciklón de Tomiño.

Os gañadores daranse a coñecer o martes, día 25 de febreiro, ás 23:00 horas, durante a celebración da Verbena de Entroido, que estará amenizada por Claxxon e que comezará ás 21:00 horas na Praza da Paradela. O primeiro clasificado recibirá 900 euros, o segundo 700 euros e, o terceiro premio será de 500 euros, premiándose ademais con 300 euros a mellor carroza do desfile. Tamén están contempladas 6 axudas de 350 euros para as seguintes clasificadas (de 4ª a 9ª posición) e de 250 euros para as participantes que se atopen entre o décimo e o décimo quinto posto.

O vestiario e maquillaxe elixidos, así como a escenografía e deseño de carrozas serán algúns dos elementos que o xurado -presidido polo alcalde, Paco Ferreira, e composto para a ocasión por representantes do mundo social, artístico e cultural- terá en conta á hora de puntuar as comparsas participantes, valorándose tamén criterios como que a música sexa en directo ou con acompañamento de instrumentos musicais ou rítmicos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios