Medios terrestres e aéreos velarán pola seguridade na Festa da Arribada

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu este luns a Xunta Local de Seguridade de Baiona xunto ao seu alcalde, Carlos Gómez. Na reunión tamén estiveron presentes o Tenente Coronel, Manuel Touceda, e o capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Miguel Ángel Martín.

O punto prioritario desta nova xunta local centrouse en promover todas as medidas encamiñadas a garantir a seguridade na localidade durante o desenvolvemento dos actos da Festa da Arribada. Unha celebración que chega á súa edición número vinte e cinco e que congrega todos os anos a un importante número de visitantes que queren gozar desta festa medieval co recoñecemento de interese turístico internacional.

Maica Larriba puido comprobar as accións que van levar a cabo os corpos e forzas de seguridade do Estado, coa posta en marcha de controis de circulación nos accesos a Baiona, contando para iso de medios terrestres e aéreos, e os controis de alcoholemia e drogas que sirvan de prevención pola posible falta de responsabilidade dalgúns condutores. Ademais servirán de apoio aos axentes da Policía Local, garantindo o bo desenvolvemento das actividades festivas. Respecto a isto, revisouse o plan de protección elaborado polo concello, no que se establecen os medios municipais para garantir a seguridade durante o desenvolvemento dos tres días festivos.

Precisamente esta coordinación é a que máis valorou Maica Larriba, xa que “é importante prestar o interese necesario neste tipo de celebracións tan emblemáticas para a nosa provincia pero ao mesmo tempo fan aumentar o número de visitantes, o tráfico, e as medidas de seguridade para todos. E este é o caso de Baiona por ser unha dás vilas de maior impacto turístico da nosa costa pontevedresa”.

Por outra banda, o concello volverá a situar un Punto Morado para a atención, información e axuda ás vítimas de calquera tipo de agresión sexista. Esta iniciativa, promovida pola subdelegada do Goberno desde xullo de 2018, serviu durante todo este tempo para sensibilizar e visibilizar na sociedade as agresións sexistas durante as celebracións festivas.

Anuncios