Baiona decreta dous días de loito oficial

O Concello de Baiona decreta dous días de loito oficial ante a triste noticia do falecemento dun mariñeiro baionés, e a desaparición do seu compañeiro, patrón da embarcación Marsúa J e veciño de Panxón, cando faenaban á altura das illas Cíes. Á vista destes acontecementos, o Concello de Baiona suspende todos os actos previstos para o martes 25 e mércores 26 de febreiro.

A Confraría de Pescadores de Baiona deu a voz de alarma ao 112 Galicia preto das 16:40 horas desta tarde, ante a posibilidade de que a tripulación da embarcación houbese sufrido un contratempo mentres faenaban. Indicaba no seu relato que o barco tiña que estar de volta na súa base ao mediodía e aínda non chegara.

Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizaron a Salvamar Mirach e o helicóptero Pesca I, respectivamente. Ademais, desde o 112 Galicia se puxo a situación en coñecemento da Garda Civil, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Val Miñor.

O helicóptero Pesca I localizou sobre as 17:20 horas a embarcación quilla ao sol en Freu da Porta, entre a illa Norte e a illa Sur das Cíes, e o corpo sen vida do mariñeiro, na auga. A Salvamar Mirach recuperou o cadáver, que foi trasbordado á patrulleira Río Goadalope da Garda Civil e trasladado a Baiona. Os labores de procura do segundo tripulante renovaranse mañá.