O CPA Gondomar sobe ao podio a sete participantes no Trofeo Deputación

O Club Patinaxe Artística Gondomar conseguiu subir ao podio a sete dos seus participantes no Trofeo Deputación de Patinaxe Artística celebrado este sábado no Pavillón Álvaro Pino, en Ponteareas, na provincia de Pontevedra.

Os patinadores e patinadoras buscaban a súa clasificación para as diferentes categorías, tanto Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete como Sénior. O CPA Gondomar tivo a súa representación en varias delas, conseguindo subir ao podio a sete dos seus representantes patinadores. En masculino o primeiro posto foi para Rodrigo Costas como alevín, Joel Ribeiro como infantil e Manuel Estévez en categoría cadete. En feminino un segundo posto en alevín para María Moldes, en categoría infantil un primeiro posto para Lola Álvarez e un terceiro para Marta Goyanes. En cadete Sofía Costas foi primeira.

O seu adestrador, David Figueroa, acompañounos toda a xornada. O constante traballo do CPA Gondomar prosegue xa que este non é máis que o inicio dunha dura tempada de adestramento xa que a próxima fin de semana disputarase o Campionato Galego Show de Cuartetos en Tui.

Anuncios