O Concello de Nigrán viviu hoxe o Entroido escolar con senllos desfiles polo centro e por Panxón con preto de mil nenos e nenas como protagonistas. Ao medio día o alumnado do CEIP Humberto Juanes, A Galiña Azul e CEE Juan María desfilaron pola contorna da Casa Consistorial disfrazados de personaxes de contos e, anteriormente, o CPI Arquitecto Palacios e Escola Infantil “As Dunas” animaron o paseo marítimo de Panxón.
A programación do Entroido de Nigrán continúa mañá sábado co tradicional concurso de comparsas desde as 19:30 horas desde o cruce coa rúa Telleira á Casa Consistorial. Participan 12 agrupacións de Nigrán (3), Gondomar (4), Vigo (3), Tomiño (1) e Baiona (1). En total, suman 821 participantes de todas as idades, desde a máis pequena de 29 persoas ata dúas de 120. Así, a partir das 19:00 abrirá o desfile a batucada de “Bate no cobre” para as 19:30 horas iniciarse o desfile. Tras a resolución dos premiados a festa seguirá na Praza do Concello, onde haberá unha actuación a cargo do trío musical X’tra. Será un Entroido inclusivo, xa que contará con intérprete de lingua de signos e mochilas vibratorias a disposición de quen as solicite.
O martes 25 será a festa dos centros de día e residencias no Auditorio Municipal pola mañá e o día 1 de marzo a xa tradicional excursión de maiores a Cuntis para festexar a “Festa do Lacón”. O Entroido finaliza en Nigrán o domingo 8 de marzo co tradicional Enterro do Kiko de Parada.






