A Garda Civil detén aos presuntos autores do roubo nunha ferraxería en Gondomar

A Garda Civil detivo a dous veciños do Porriño como presuntos autores dun roubo nun establecemento comercial de Gondomar ao ser sorprendidos infraganti pola propietaria do local cando pretendían darse á fuga.

Os feitos sucederon a madrugada de onte, luns, na parroquia de Vincios, cando a propietaria dunha ferraxería é alertada polo seu irmán, que vive preto do establecemento, de que se activou o sistema de alarma do local.

Cando chegou a propietaria acompañada do seu irmán, puido observar como un individuo saía correndo da ferraxería coa cabeza cuberta cunha carapucha. Levaba dúas motoserras, unha maza e dous caxetíns con moedas que caeron ao chan na súa precipitada fuxida cara o vehículo onde lle estaba esperando outra persoa.

A inmediata reacción dunha patrulla de seguridade cidadá do Posto de Gondomar e outra do Posto Principal de Baiona-Nigrán, que foran alertadas polo Centro Operativo Complexo (COC) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, permitiu a detención dos presuntos autores que estaban dentro do coche, rodeados pola propietaria do local, o seu irmán e varios veciños que lles impedían a fuxida.

No interior do vehículo atopáronse algunhas das moedas subtraídas na ferraxería. Na rúa, xunto coas dúas motoserras que abandonara na súa fuga, atopouse unha maza de considerables dimensións, coa que fracturou os cristais de dúas ventás por onde entrou no local, causando danos materiais de consideración que poden superar os 4.000 euros.

Os detidos son dous veciños do Porriño de 26 e 45 anos, cun amplo historial delituoso que suman entre os dous 51 delitos. Durante a mañá de hoxe serán postos ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Vigo.

Anuncios