Baiona elimina o zoo ambulante e os fogos artificiais da Arribada

Baiona atópase metida de cheo na súa transformación, que desde 1995 leva a cabo de maneira ininterrompida, para retroceder no tempo ata o 1 de marzo de 1493, momento no que Martín Alonso Pinzón recalou na vila miñorana para dar a noticia do Descubrimento. O goberno local ten preparado para a presente edición dos días 28, 29 de febreiro e 1 de marzo diversas novidades e cambios no calendario de asistentes que outorgarán á cita un maior rigor histórico que contará cun total de 215 postos.

As tradicionais salvas que marcan a apertura e peche do mercado do buque insignia das celebracións da localidade terán un respiro, polo menos este ano, e a edil de Cultura, Miriam Costas, adiantou que están a estudar fórmulas alternativas para substituír ás bombas caracterizadas por un gran son grave e xordo apreciable mesmo desde porto veciño de Panxón. Non correu a mesma sorte a incondicional tirada de fogos artificiais que, por primeira vez este ano, non encherán de luz o ceo baionés.

A principal novidade para esta edición é a creación dun Foro Iberoamericano no que estará presente o pobo irmán cubano Rafael Freire, e no que a vila servirá como nexo de unión entre os dous continentes. Desta maneira o goberno local aposta por outorgarlle á celebración un maior valor cultural e histórico a unha cita que en palabras do rexedor, Carlos Gómez, “está a desvirtuarse e a este ritmo acabará perdendo o significado pola que se creou”, referíndose ao aumento incesante do botellón. Outro dos cambios anunciados é que a festa non contará co “zoo” ambulante que se instalaba no Parque da Palma, que incluía camelos e chamas. No seu lugar expoñeranse cabalos salvaxes da Groba, en perigo de extinción, chegados directamente de Finca Moreira, e bois galegos. Un cambio que fai alusión, unha vez máis, ao rigor histórico e ao benestar animal. “Consideramos que pouco teñen que ver coa Baiona de 1493, ademais tampouco somos partidarios de exhibir animais cativos xa sexa pola súa rareza ou estética”, explicou Costas. A atracción que se se conservará é a relativa ao espectáculo de cetrería ao ser coetánea co contexto histórico que se representa e ademais incorporarase unha forxa que ilustrará como se “calzan” aos equinos ademais de bautismos para os máis pequenos. A Arribada preséntase con cambios substanciais, sobre todo na súa formulación, aínda que tanto o rexedor como a responsable de área admitiron estar a traballar na de 2021 que aínda traerá máis cambios.

LANZADEIRAS, TRANSPORTE POR MAR E EXPOSICIÓNS

A festa de máis calado da vila mariñeira aposta como en anteriores edicións por apartar o tráfico rodado do centro urbano, e desde a organización acaban de confirmar que contarán co servizo de lanzadeiras desde o parque empresarial de Porto do Molle, onde se habilitarán bolsas de aparcamento tanto para o sábado como para o domingo. Así pois na primeira xornada o servizo de ida comezará ás 12:00 horas e o de volta ás 14:00 e acabarán ás 00:00 horas. O segundo día o transporte empezará unha hora antes, ás 11:00, e rematará ás 22:00 horas. En ambos os dous casos as frecuencias serán de cada media hora. Así mesmo tamén levasen a cabo os traxectos por mar das navieiras Mar de Ons e Nabia desde Cangas, Moaña, Vigo e Panxón cun amplo abanico de horarios. Así pois o mercado abrirá as súas portas o venres ao mediodía e pola tarde será a xornada dedicada aos máis pequenos con atraccións infantís na Palma, rúa Carabela Pinta e nos xardíns da biblioteca. O sábado contemplará un horario de 10:00 a 00:00 horas e o día seguinte de 10:00 a 22:00. Desde a organización traballan a contrarreloxo para pechar un calendario que estará rematado este luns, aínda que adiantaron que contarán coas exposicións temáticas “Explorando as Costumes da Hispania Medieval” e “Sardiñas, Potas, Pan, Trigo e Sal, Mercaduría Real: A vida nos mercados”.