Sin categoría

Interveñen en Nigrán 1.130 euros en billetes falsos de 50 e 20 euros

A Garda Civil investigou a un veciño de Arbo, como presunto autor dun delito de tenencia de moeda falsa para a súa distribución ou expedición. Ao investigado interviñéronselle 1.130 euros en billetes falsos de 50 e 20 euros.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse a finais do ano pasado cando se ten coñecemento de que unha patrulla da Policía Local de Nigrán identificara ao ocupante dun vehículo que lles resultara sospeitoso. No interior do turismo os axentes localizaran, entre outros efectos, un feixe de billetes falsos: trece de 50 euros e vinte e catro de 20.

As pescudas realizadas, unha vez constada a falsidade dos billetes, determinaron a posibilidade de que este diñeiro, cuxa procedencia se descoñece, estaba predestinado para facer fronte ao pago do importe do remolque dun vehículo que pretendía comprar a persoa que o tiña no seu poder.

Esta persoa resultou ser un veciño de Arbo, de 30 anos, que finalmente sería localizado e notificado, por efectivos do Posto da Garda Civil desta localidade, como presunto autor dun delito de tenencia de moeda falsa para a súa distribución ou expedición.

As dilixencias foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido.

A investigación continúa aberta para coñecer a orixe e a procedencia dos billetes falsos intervidos.